ETAPAS
           EQUIPOS
           LIBRO DE RUTA
           HISTORIA
           CONTACTAR


Calendario
ETAPA3 ETAPA2 ETAPA1

Xunta de Galicia (LOGO)

NOTAS DE PRENSA


Bernardino Rama destacou que a Volta é posible gracias ao esforzo das entidades públicas e privadas

(19/05/2009) O Vicepresidente da Fundación Compostela Deporte e Concelleiro de Deportes de Santiago, Bernardino Rama, e o Presidente do Club Ciclista Compostelano – Muebles Compostela, Nemesio López, presentaron hoxe os patrocinadores: Sociedade Xestora do Plan Xacobeo, Grupo Brea e Área Central, maillots e trofeos da Volta Ciclista da Ascensión-Gran Premio Xacobeo 2009, que terá lugar os días 21, 22 e 23 de maio, para as categorías elite e sub 23. As entidades organizadores tamén presentaron o portal electrónico da competición www.voltaascension.com.

O Concelleiro de Deportes de Santiago e Vicepresidente da Fundación, Bernardino Rama, subliñou na presentación que a Volta Ciclista da Ascensión-Gran Premio Xacobeo 2009 é posible gracias ao esforzo conxunto das entidades públicas e privadas que patrocinan e colaboran coa proba.

“A Volta é un punto común de todos. Das empresas privadas que co seu esforzo adican parte dos seus beneficios a prol de actividades deportivas e que serven para potenciar aos deportistas, neste caso concreto do ciclismo, e a mellorar o seu hábitat vital que é o deporte. E tamén das insititucións, entre as que destaca o patrocinio da Sociedade Xestora do Plan Xacobeo”, afirmou.

Rama tamén lembrou a colaboración de: “Todos os concellos polos que pasa a proba. Este ano en especial temos a novidade de que unha das etapas remata nun municipio da nosa comarca. A segunda etapa ten a liña de meta no Concello de Oroso. Isto tamén é importante para que os veciños(as) de Oroso vivan a paixón da Volta” .

O Concelleiro de Deportes apuntou que a Volta Ciclista da Ascensión-Gran Premio Xacobeo 2009 é unha das “mellores probas que hai en Galicia”. Unha competición que: “Pode ser un viveiro importante para ese equipo que temos na nosa comunidade, o Xacobeo Galicia. Creo que destes equipos sairán deportistas para que teñamos un bo equipo profesional como temos nestes momentos”.

Rama tamén recoñeceu e agradeceu o papel dun dos organizadores da proba, o CC Compostelano-Muebles Compostela. “Este club foi, e hai que decilo claro e alto, o que nos impulsou a todos a que volvesemos a recuperar a Volta –no ano 2007-. O seu presidente, Nemesio López, co seu traballo nos animou a todos a volver a poñer en marcha esta competición, que era unha asignatura pendente que tiñamos co clube, con ese bo traballo que está a facer nas categorías inferiores”, engadiu.

Pola súa banda, Marcial Rodríguez, adxunto á Dirección da Sociedade Xestora do Plan Xacobeo, agradeceu á Fundación e a CC Compostelano que organicen por terceiro ano consecutivo a Volta Ciclista da Ascensión-Gran Premio Xacobeo 2009. “Queremos felicitar á organización; a todos os concellos polos que pasa a proba; ás persoas, institucións e empresas patrocinadoras e colaboradoras; e aos medios de comunicación, por facer posible que chegue a bo porto a edición de este ano”.

O acto de hoxe tamén contou cos representantes das outras dos entidades patrocinadoras da Volta Ciclista da Ascensión-Gran Premio Xacobeo 2009: José Brea do Grupo Brea e o xerente do Centro Comercial Área Central, Juan Carlos Losada.

Maillots

O Presidente do Club Ciclista Compostelano, Nemesio López, fixo referencia aos maillots da Volta: “A Sociedade Xestora do Plan Xacobeo patrocinará o maillot amarelo que se vestirá o líder da proba; o Concello de Santiago o de cor branco que lucirá o ciclista que encabece a clasificación da regularidade; o Grupo Brea o verde do Premio da Montaña; Área Central o laranxa para o primeiro nas metas volantes; Muebles Compostela o azul e branco que vestirá o mellor corredor galego da clasificación xeral e a Fundación Compostela Deporte o azul oscuro que levará o mellor sub 23”.

Trofeos

Nemesio López tamén indicou que haberá: “Un trofeo para o vencedor de cada unha das tres etapas; un para o líder da clasificación xeral de mellor galego ao remate de cada unha das tres etapas; un trofeo para cada un dos tres primeiros clasificados da xeral individual o terceiro e último día da proba. O vencedor individual da Volta Ciclista da Ascensión-Gran Premio Xacobeo 2009 levará ademais un premio especial do Concello de Santiago. Un trofeo para o equipo vencedor da Volta, outro para o líder da regularidade, o do premio da montaña, o vencedor das metas volantes e outro para o mellor sub 23. Estes últimos cinco trofeos entregaranse tamén o último día da proba”

“Espero que a Volta saia ben. O bo tempo parece que nos acompañará. O noso desexo e que a proba finalice como nos últimos anos, mantendo a ilusión ate o último momento. Sabedes que nos últimos anos ate os últimos dez quilómetros da última etapa non se coñeceu ao gañador da Volta”, comentou López.

Portal electrónico

Na páxina web da competición www.voltaascension.com poderedes atopar as novas da Volta. Este ano, como principal novidade, poderedes ir consultando no portal electrónico as evolucións de cada etapa. E ao remate de cada unha das tres xornadas recibiredes a nota de prensa (en galego e castelán), as fotos e as clasificacións.

No portal electrónico tamén podedes consultar os percorridos e perfís das tres etapas; os equipos participantes; o palmarés de todas as edicións anteriores da proba; consultar ou descargar o libro de ruta da presente edición; ou consultar os portais electrónicos das edicións do 2007 e 2008.

Equipos participantes

Cómpre lembrar que a Volta Ciclista da Ascensión terá un percorrido de 434,3 quilómetros, e contará coa participación de dezanove equipos. Estarán os galegos: Cidade de Lugo-Artesanía de Galicia; CC Cambre-Renault Caeiro; PC Luís Ocaña-Cymasa; CC Padronés-Aluminios Cortizo; GD Supermercados Froiz; CC Vigués-Chint Autronic e CC Spol Caixanova; o Camargo Ferroatlántica (Cantabria); o Diputación de León-Deyser (Castela León); o Sanse Spiuk de Madrid; o PC Manzanillo-Construcciones Paulino (Asturias); Andalucía Cajasur (Andalucía); Graman Hospedería Cañete (Castela A Mancha); os valencianos: Valencia Terra i Mar, Universidad Politécnica de Valencia-Bancaja e Mutualidad de Levante-Cafemax; os portugueses: Crédito Agrícola Pombal e Elecler Santa María da Feira; e o Lokomotiv ruso.

Fotografia

Fotografia

___________________________________________________
Fundación Compostela Deporte
Gabinete de Comunicación
19/05/2009

 

Desenvolvemento e deseño web: AVA www.avaforum.com